Greenpeace alertará os pontevedreses por San Valentín de que sen abellas, non hai flores
Por Redacción
Un San Valentín sen flores non ten sentido, un mundo sen abellas tampouco. Por iso Greenpeace aproveitará o día dos namorados para poñer sobre a mesa unha problemática que está a afectar a estes insectos encargados da polinización das flores: as abellas están a morrer polo uso masivo de praguicidas tóxicos na agricultura industrial. E iso, aféctanos a todos. Porque, xunto a outros insectos, son as encargadas de polinizar non só as flores que estes días son protagonistas, senón tamén o 90% das plantas silvestres e o 75% dos cultivos para consumo humano a nivel mundial.
Para esta "romántica" campaña o vindeiro domingo, 14 de febreiro, os voluntarios de Greenpeace de 23 cidades de España sairán á rúa para alertar da problemática que afecta as abellas e para recoller firmas pola protección destes animais. Para iso repartirán aos transeúntes talos sen capullos, para simbolizar que sen abellas non habería flores.
En Pontevedra será na Praza da Ferrería, de 11:00 a 14:00 horas.
"As persoas voluntarias de Greenpeace informarán da importancia das abellas, pero tamén das ameazas a que se enfrontan e das solucións que temos que poñer en marcha urxentemente para protexelas", afirmou Luís Ferreirim, responsable da campaña de agricultura de Greenpeace España.
"As firmas que recollan trasladaranse ao futuro Goberno, para que teña en conta aos centos de miles de persoas que queren que se protexan ás abellas e demais polinizadores", engadiu.