Pontevedra ten 1.263 fogares que carecen de calquera tipo de ingresos
Por Oskar Viéitez
A Enquisa de Poboación Activa (EPA), correspondente ao último trimestre do pasado ano elevou a 1.263 o número de fogares no concello de Pontevedra que carecen de calquera tipo de ingresos.
Ademais sitúa en 2.936 os fogares pontevedreses nos que todos os seus membros activos están en paro.
O secretario intercomarcal de Pontevedra e Arousa do sindicato UXT, Ramón Vidal trasladou en rolda de prensa a "preocupación" por estes datos que, ao seu xuízo, deixan en evidencia que a crise non retrocede, "non existe tal recuperación" que apuntan as cifras oficiais coa pretendida reactivación "sobre todo para aquelas familias que xa tiñan dificultades".
O empobrecimiento social avanza, alerta Ramón Vidal, que lembra que "a curva é ascendente" se se toma como referencia o arranque da década cando os fogares pontevedreses sen recursos propios eran 413, é dicir, tres veces menos.
Este dirixente sindical enmarcou o aguante da cidadanía na existencia dunha rede de apoio social que conforman as entidades benéficas e a axudas da familia, ademais dun aumento da economía mergullada que está a prover de ingresos irregulares ás familias.
INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR
Por este motivo o sindicato UXT xunto a Comisións Obreiras están a recoller firmas para unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para que o Congreso lexisle unha renda mínima de 426 euros para as persoas que carecen de recursos, máis de dous millóns de persoas en toda España.
A prestación que demandan os sindicatos é un dereito subxectivo que dotaría dunha renda de 426 euros mensuais a persoas de 16 a 64 anos demandantes de emprego sen ingresos ou inferiores en cómputo anual ao 75% do salario mínimo interprofesional e que se percibiría mentres se manteñan as condicións que dan dereito á prestación.