O programa de detección precoz do cancro de mama explorou en 2015 a máis de 4.300 pontevedresas
Por Redacción
O Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama permitiu ao longo do ano 2015 realizar exploracións a un total de 4.363 mulleres de 50 a 69 anos do Concello de Pontevedra. Esta cifra representa un 77,33 por cento da poboación diana do proxecto.
Segundo informou a Consellería de Sanidade, froito desta iniciativa preventiva, colaborouse a detectar un total de cinco patoloxías malignas entre mulleres pontevedresas.
O programa, desenvolvido pola Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación da Consellería de Sanidade, explorou en toda a provincia a un total de 53.671 mulleres de 50 a 69 anos da provincia de Pontevedra.
A cifra a nivel provincial representa unha participación do 81,4 por cento da poboación diana do programa na provincia. 1.426 mulleres foron posteriormente remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para completar probas, que confirmaron en 82 casos un cancro de mama.
A infraestrutura asistencial do programa na provincia de Pontevedra está formada polas unidades de exploración no edificio da Consellería de Sanidade en Pontevedra e na Casa do Mar en Vigo, onde se realizan as probas mamográficas. Tamén contan coas unidades de avaliación radiolóxica, que centralizan a lectura das mamografías e as unidades de diagnóstico e tratamento, que están integradas polas consultas de cirurxía e/ou xinecoloxía dos hospitais públicos da rede do Sergas.
A lectura das mamografías está centralizada nas unidades de avaliación radiolóxica, formadas por especialistas que pertencen aos servizos de Radioloxía dos complexos hospitalarios de Pontevedra e A Coruña. E desde 2006 funciona unha unidade de avaliación radiolóxica dependente do Servizo de Radioloxía do Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo.
Relacionadas:
-
O programa de detección de cancro de mama arranca o martes en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Habilitan buses gratuítos para a asistencia ao programa de detección do cancro de mama
Por Oskar Viéitez |
-
O novo mamógrafo dixital da Parda xa explorou un total de 1.600 mulleres
Por Redacción |
-
Sacan os petos á rúa para loitar contra o cancro con investigación
Por Oskar Viéitez |