O novo mamógrafo dixital da Parda xa explorou un total de 1.600 mulleres
Por Redacción
O novo mamógrafo dixital do centro de saúde de A Parda xa explorou a un total de 1.600 mulleres dentre 50 e 69 anos. A posta en funcionamento desta tecnoloxía no centro de saúde pontevedrés culminou o proceso de dixitalización do programa galego de detección precoz do cancro de mama da Consellería de Sanidade na área de Pontevedra.
Esta nova aparataxe forma parte do convenio de colaboración da Fundación Amancio Ortega co Servizo Galego de Saúde para a adquisición de equipamento tecnolóxico de última xeración, por valor de 17 millóns de euros.
A unidade de detección precoz do cancro de mama de Pontevedra presta cobertura a unha poboación diana de 30.000 mulleres de 50 a 69 anos na comarca -23.500 en unidade de mañá, e 6.500 de tarde-.
O novo mamógrafo dixital instalouse unha vez rematadas as obras de acondicionamento que executou o SERGAS no centro de saúde de A Parda, e que comezou a funcionar a mediados do pasado mes de agosto en quenda de mañá e xa dende mediados de setembro desenvolve a súa actividade de luns a venres en dobre xornada, de mañá e tarde.
Esta nova ubicación da unidade de cribado, anteriormente emprazada no primeiro andar da antiga delegación da Consellería de Sanidade de Pontevedra, na Avenida de Vigo, contempla melloras significativas para as mulleres, xa que agora se dispón dunhas instalacións totalmente renovadas, cun maior grao de confort e accesibilidade.
Relacionadas:
-
O novo mamógrafo dixital da Parda permitiu a detección precoz de nove casos de cancro de mama
Por Redacción |
-
O 20% dos tumores de mama danse en mulleres menores de 45 anos
Por Mónica Patxot |
-
O programa de detección precoz do cancro de mama explorou en 2015 a máis de 4.300 pontevedresas
Por Redacción |
-
O equipamento radiolóxico dos centros sanitarios de Pontevedra e O Salnés vai ser actualizado
Por Redacción |