Dous pontevedreses acusados por estafa aseguran ante o tribunal que tamén son vítimas
Por Oskar Viéitez
No banco dos acusados da Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra sentáronse este martes a tres persoas acusadas dun delito de estafa do que dous delas tamén afirman ser vítimas.
Segundo explicaron durante a vista oral, os feitos remóntanse a outubro de 2008. Unha das acusadas, Beatriz A. L., actuando como intermediaria financeira, convenceu nunha reunión celebrada en Pontevedra a tres persoas para que realizasen unha serie de investimentos a través da empresa Inversiones financieras Sputnik coa que estaban relacionados os outros dos acusados.
Esta muller estaba tan convencida de que era "una inversión superatractiva" polo que ela mesma puxo diñeiro para a compra dunha serie de garantías bancarias que ofrecían unha "alta rentabilidad desde el primer mes".
Os denunciantes puxéronse de acordo ante notario para investir de maneira conxunta 50.000 euros, unha cantidade que achegaron sen que se materializase o investimento e sen que tivesen documentación das devanditas achegas.
Beatriz asegurou sentirse como unha "tonta" e reiterou ante o tribunal que ela actuou "engañada totalmente" por outro dos acusados, o "señor Moreno" que "nos contaba unas películas que eran de Oscar".
Igualmente o outro dos acusados Joan M. C. presentouse como vítima das artimañas do seu compañeiro no banco, o tal "señor Moreno". No seu caso afirma que perdeu 220.000 euros que investiron entre el e o seu pai.
Con anterioridade a este xuízo, os outros dous acusados interpuxeron unha querela por estafa contra Manuel Moreno, que foi sobreseída provisionalmente por un xulgado de Madrid, xa que faltaba un suposto colaborador nesta trama contra o que se emitiu unha orde de busca e captura.
Nesta primeira sesión do xuízo a fiscal tratou de demostrar a existencia dunha trama para ocultar en todo momento os supostos investimentos pola que as vítimas non recibiron rendibilidade ningunha xa que tampouco lles foi devolto.
A fiscal pide penas de tres anos para os acusados e multa de 9 meses a razón de 20 euros ao día, ademais de devolver os 50.000 euros investidos máis os intereses legais.
O xuízo continuará o vindeiro xoves 25 de febreiro.