Preocupación no Concello e entre os veciños polo estado do antigo cuartel da Garda Civil
Por Alejandro Espiño
O antigo cuartel da Garda Civil, situado na confluencia das rúas Loureiro Crespo e Casimiro Gómez, está nunha situación "clarísima", segundo o goberno municipal, de abandono e de deterioración. Niso coinciden cos veciños do barrio cos que se reuniu este xoves o concelleiro Luís Bará e que mostraron a súa preocupación por este asunto.
Por iso, o Concello estuda dirixirse ao Goberno, vía orde de execución, para que adopte as medidas necesarias para frear esta deterioración, porque Bará lembra que os propietarios dos inmobles públicos, do mesmo xeito que os privados, están obrigados a telos en perfectas condicións e impedir situacións de risco.
Neste sentido, o edil do BNG lembrou que esta preocupación "vai máis alá" de cuestións estéticas, xa que o edificio actualmente está ocupado por varias persoas que, para quentarse, fan lume no seu interior co consecuente risco de incendio, o que xera nun "importante" problema de seguridade no barrio.
Desde o Concello lembran que nos últimos anos rexistráronse diferentes consultas urbanísticas sobre o uso do inmoble e a parcela que ocupa, pero este interese non frutificou por cuestións de mercado inmobiliario. En todo caso, o goberno municipal descartou pedir a cesión do edificio e destinalo a usos sociais ou culturais.
Estes contactos cos veciños do barrio da Eiriña enmárcanse dentro dunha rolda que Luís Bará realizará, acompañado de técnicos da empresa EC Casas e do servizo de parques e xardíns, para analizar as necesidades de cada ámbito urbano en materia de mantemento de rúas, mobiliario urbano ou zonas verdes e proceder á súa execución.
O contrato con EC Casas incluirá "entre 40 a 50 actuacións pequenas" nos barrios, que serán acordadas cos veciños e priorizadas segundo as súas necesidades.
Así, por exemplo, nesta zona unha das actuacións que se prevé levar a cabo é arranxar os xardíns que se situaron na Praza dos Canos.
Relacionadas:
-
Os veciños da Eiriña reclaman ao Estado que adecente o vello cuartel da Garda Civil
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello aposta polo traslado da Policía Nacional ao antigo cuartel da Garda Civil en Casimiro Gómez
Por Oskar Viéitez |
-
Os bombeiros teñen que intervir por un incendio na antiga comandancia da Garda Civil
Por Redacción |