Valóraos polas súas capacidades
Por Marisa Ciordia
A Asociación Xuntos proporciona atención integral a persoas con Síndrome de Down ou con discapacidade intelectual, co obxectivo de que desde que nacen ata a súa idade adulta sexan persoas independentes. Independentes e suxeitos activos, non pasivos. Isto é, por exemplo e como sinalaba Manuel Pérez Cabo, presidente da Asociación Down Pontevedra Xuntos: "que non sexan uns cidadáns que só perciben unha axuda, senón que sexan un cotizante máis á Seguridade Social".
Neste camiño, desenvolveuse o "H@ppy day", unha iniciativa de Xuntos e a Fundación Vodafone España para concienciar ao empresariado e a sociedade en xeral dos beneficios de empregar a persoas con discapacidade intelectual. A actividade deste xoves 25 intégrase no proxecto "Eu me prep@ro" que lles ofrece formación nas novas tecnoloxías.
O bo traballo que realizan desde a Asociación Xuntos de Pontevedra está avalado nos números. No último ano integráronse ao mercado laboral sete usuarios; e actualmente a cifra elévase a 18.
"Todos os nosos usuarios tiveron algunha experiencia laboral, ben en prácticas ou ben cun contrato laboral", precisa Manuel Pérez. Non se trata de autobombo, José Suárez da Fundación Vodafone, apuntaba durante o acto celebrado no Pazo de Mugartegui que "a Asociación Down Pontevedra superou as expectativas que tiñamos". José Luis Buján, representante da empresa Ucalsa-Pontevedra, -e que ten unha moza da asociación empregada- engadía que "cando Xuntos nos trae a alguén, tráena moi preparada. De feito, Verónica tardou en integrarse moito menos tempo que outros empregados da empresa".
A aludida é Verónica Rosales Patiño, quen expuxo a súa experiencia neste "H@ppy day". Compaxina dous empregos, en Ucalsa de luns a xoves e en Pizzamovil de venres a domingo. "Estou moi contenta en ambos os traballos. Estiveron a formarme en Xuntos antes de entrar nas empresas, eles fan apoio ao principio. Os compañeiros que teño pórtanse moi ben comigo e sempre me axudan".
Ademais destas dúas empresas, en Pontevedra, tamén formalizaron contratos no Centro de Recuperación Torrado e a Sociedade Deportiva Teucro. O desexable é que siga incrementándose o número de empresas públicas e privadas que fagan estas contratacións, porque como apuntaba Buján: "o problema é que non se coñece o suficiente; hai que difundir máis as súas capacidades e tamén o traballo que realizan desde a Asociación Down Pontevedra".