Sanxenxo celebrará o Día da Muller cunha gala
Por Redacción
Todas as asociacións de mulleres de Sanxenxo implicaranse o próximo 11 de marzo na celebración dunha gala coa que se conmemorará o Día Internacional da Muller, que se celebra cada ano o 8 de marzo.
A gala celebrarase no Pazo Emilia Pardo Bazán organizada pola concellería de Igualdade e comezará da man da concelleira Sandra Fernández Agraso, que lerá un manifesto reivindicando, entre outras cuestións, o papel da muller na sociedade actual e a necesidade de articular políticas tendentes a garantir a igualdade laboral e a conciliación familiar.
A concelleira explica que desde o goberno convidouse a todos os veciños a sumarse á conmemoración porque "todos debemos colaborar poñendo o noso gran de area na consecución dunha sociedade igualitaria, sen discriminacións nin violencia; en definitiva, nunha sociedade mellor para todos".
A gala desenvolverase intercalando actuacións preparadas polos diferentes colectivos de mulleres do municipio e actuacións musicais da Big Band Infantil da Escola de Música Municipal. A actuación estelar, coa que concluirá a gala, será a da monologuista galega Isabel Risco, actriz coñecida pola súa participación en programas da TVG como 'Land Rober' ou 'Era visto'. Presentará en Sanxenxo o seu espectáculo 'Nabiza girl. Unha viaxe espacial'.
Por outra banda, o Centro de Información á Muller (CIM) oferta este ano, tras a interrupción de 2015, os bonos de spa correspondentes ao programa 'Porque o merezo', co que se ofrece ás veciñas deste concello a posibilidade de gozar dunha sesión de piscina climatizada con chorros, jacuzzi, hamman e sauna, dunha hora de duración, cunha masaxe personalizada de 30 minutos e un detalle doce no Hotel Galatea, situado en Paxariñas, por un prezo de 15 euros. As interesadas poderán reservar os seus bonos ata o día 11 de marzo.
O Centro de Información á Muller organiza tamén un Curso de Musicoterapia que se desenvolverá do 18 de marzo ao 3 de xuño todos os venres de 20 a 21.30 horas na Sala de Espellos do pavillón de Baltar. O CIM oferta 15 prazas ao prezo mensual de 14,50 euros. Os interesados en asistir deberán formalizar a inscrición antes do 11 de marzo.