A investigadora Olga Ochoa e a Asociación Anduriña, premios Meca de Igualdade 2016
Por Redacción
Os premios Meca de Igualdade 2016, que convoca o Concello do Grove con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, xa teñen gañadores. Tras recoller diversas propostas, o Consello Local de Igualdade decidiu outorgar estes recoñecementos á investigadora Olga Ochoa na categoría individual e á Asociación Anduriña, na categoría de colectivos.
A grovense Olga Ochoa é investigadora biomédica e forma parte do equipo de dirección de atención primaria do Camp de Tarragona, pertencente ao Institut Català de la Salut.
Ten participado en numerosos proxectos dirixidos a buscar respostas e apoios no proceso asistencial básico, con especial interese na prevención e promoción da saúde. Os seus traballos teñen conseguido repercusión internacional converténdose nunha investigadora de referencia no campo das enfermidades infecciosas do aparato respiratorio.
Os seus logros profesionais téñena feito acredora do premio Meca de Igualdade recoñecendo o seu papel como muller traballadora nun campo de alto nivel e dunha remarcada importancia social como é o da saúde.
Dende a súa creación no ano 2011, a Asociación Anduriña tense ocupado da atención ás persoas con discapacidade do Salnés dende dous ángulos fundamentais: por unha banda buscando a eliminación das barreiras e a adecuada adaptación dos espazos públicos en todas as súas dimensións e, por outra, loitando pola dinamización e integración de colectivos mediante o deseño de plans de actividades formativas e inclusivas.
O Consello de Igualdade fixo especial fincapé na importancia que ten este colectivo na loita pola equiparación a todos os niveis e que o fan merecedor do premio Meca 2016.
A gala de entrega de premios terá lugar o vindeiro sábado 12 de marzo, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.