Sanxenxo incorporará á súa plantilla aos 48 limpadores e conserxes de colexios e edificios públicos
Por Redacción
Máis de 250.000 euros anuais. ÿ o aforro que estima o Concello de Sanxenxo que conseguirá coa incorporación ao persoal municipal dos 48 traballadores da empresa Samyl, encargada da limpeza e conserxería dos colexios e edificios públicos. Débese, segundo os cálculos municipais, a que ao asumir directamente a xestión deste servizo eliminarase o IVE e o beneficio industrial.
"Tendo en conta que actualmente o imposto sobre o valor engadido está fixado no 21% e que o beneficio industrial é do 6%, o gasto nesta prestación diminuirá un 27%, unha baixada considerable xa que o custe anual para o Concello e de máis dun millón de euros", explicou Catalina González, quen recordou que "non ocorre o mesmo no caso das Escolas Infantís, cuxa adxudicataria xa está exenta de IVE por tratarse dun servizo de educación".
Serán 48 os traballadores que subrogará a administración municipal para desempeñar, como ata agora, as tarefas de limpeza e conserxería dos colexios, así como na Piscina Municipal, a Xerencia de Urbanismo, Medio Ambiente, o Pazo Emilia Pardo Bazán, a Casa Consistorial, e demais locais municipais. "O persoal terá o mesmo tipo de contrato e de xornada e conservará a antigüidade", asegurou a rexedora.
Unha vez que o venres finalizou o contrato subscrito con Samyl, cuxos representantes tamén participaron onte no encontro con estes traballadores, a Concellería de Persoal solicita agora toda a información que precisan acerca dos empregados da concesionaria -contratos, vida laboral, posto que desempeñan, entre outros-, para levar a cabo a tramitación pertinente de cara á súa incorporación ao persoal municipal.
Mentres tanto, o Concello de Sanxenxo utilizará a opción recollida no contrato de prorrogar ata tres meses o acordo coa empresa, o que lle permitirá dar os pasos necesarios para subrogar aos traballadores.
"Esperamos que nun mes e medio podamos ter listo todo o procedemento", comentou Catalina González, quen fixo fincapé en que a asunción do servizo por parte do Concello "non require unha grande inversión en infraestrutura e material feito que posibilita en boa medida a subrogación".