CC.OO. pide que a Deputación suspenda as concesións da limpeza e vixilancia e asuma os traballadores
Por Anxo Lourido
O concello de Sanxenxo asume, tal e como publicaba PontevedraViva, dende este mes aos 48 traballadores da empresa Samyl que fora concesionaria do servizo de limpeza dos edificios municipais para aforrar diñeiro ás arcas municipais.
Segundo o sindicato Comisións Obreiras, esta medida contraria á política neoliberal actual debería ser exemplo para o resto de concellos, para a Deputación e para o Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
Desta forma, o delegado de CCOO na Deputación, José Ramón Piñeiro, indicou que na institución provincial se poderían reducir moitos gastos se a entidade asumise os servizos de limpeza e vixilancia. Indica que se se puidese acometer tamén no Parque de Maquinaria podería chegar a aforrar de 5 a 7 millóns de euros dos 17 que se destinan actualmente.
Se estas entidades non renovasen as concesións e asumise o equipo, estes traballadores serían considerados como persoal laboral indefinido, non fixos, coas mesmas condicións laborais que tiñan na empresa adxudicataria.