Absolven un pontevedrés acusado de pegar outros dous durante un altercado nocturno
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu a J.M.S., o veciño da cidade xulgado o pasado mes de xaneiro pola súa implicación nunha pelexa na madrugada do 11 de febreiro de 2012 na rúa San Sebastián na que o acusaban de agredir a outros dous homes e pedían que fose condenado a cinco anos de prisión como autor de dous delitos de lesións scon deformidade.
Tan só o acusaba o avogado da acusación particular, pero non o fiscal e a Sección Cuarta da Audiencia decidiu absolvelo concluíndo que aquel día, sobre as 2.30 horas da madrugada, produciuse un incidente con varios implicados e feridos, pero non se pode acreditar que J.M.S. sexa o autor desas agresións.
O home estaba nun local de copas cando se produciu un altercado no exterior porque o dono do negocio non deixaba a I.A.G.V. entrar. O agora absolto quixo acougalo, pero o outro home abalanzouse contra el e foi necesario que o dono e o porteiro do establecemento actuasen para evitar que J.M.S. fose agredido.
O porteiro e o dono suxeitaron a I.A.G.V. cando un dos seus amigos, A.D.M.E., saíu do local e suxeitou por detrás ao agora absolto, que comezou a mover os brazos coa intención de desasirse, golpeándoo nun dos movementos. A consecuencia do golpe recibido, sufriu fractura da mandíbula. O outro implicado, o mozo que empezou todo o incidente, I.A.G.V., sufriu un traumatismo cranioencefálico, erosións faciais múltiples, hematomas e outras lesións.
Inicialmente, a acusación particular considerábao autor das agresións a ambos, pero o tribunal concluíu que as probas practicadas non foi bastantes para "alcanzar a convicción sen xénero de dúbidas" de que fose o responsable da primeira delas e nin sequera de que as lesións sufridas por A.D.M.E. sexan constitutivas dunha infracción penal.