A Deputación e a Universidade de Vigo abordan a creación dun observatorio de turismo
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, participaron este venres na constitución da comisión mixta encargada de definir os plans anuais de traballo que se desenvolverán dentro do protocolo recentemente asinado por ambas as institucións para o próximos catro anos. Múltiples posibilidades de colaboración que van desde o apoio a congresos ata a creación dun observatorio de turismo.
O reitor Salustiano Mato explicou que "dunha maneira moi clara e bidireccional" debatéronse unha serie de temas "moi concretos", unha vez que quedou definida a metodoloxía de traballo a partir da creación de varios grupos que se encargarán da elaboración dun "programa anual de actuacións" así como de ir abordando cada unha das accións.
Estes grupos conformaranse por ámbitos temáticos ou por tipoloxía de actividades, é dicir, por eventos de distinto tipo, por produtos de carácter académico ou para o asesoramento en iniciativas da Deputación nas que a universidade poida "achegar músculo", dixo Mato.
"Nos tempos que corren, ser capaces de combinar capacidades para axudar a resolver problemas é primordial", engadiu o reitor, quen destacou que a universidade atopou na Deputación "un marco absolutamente ideal" para profundar nese "espazo de cooperación entre institucións polo que sempre apostamos".
Nese sentido, Silva indicou que se van a elaborar propostas sobre cuestións que se consideran "fundamentais para o desenvolvemento económico e social da nosa provincia, para elevalas tamén a outras institucións", como sería o caso dos proxectos que a Deputación vén poñendo en marcha para optar a convocatorias europeas, que os investigadores poden axudar a que sexan "máis competitivos", como engadiu o reitor.
PROPOSTAS DE COLABORACIÓN
Segundo informou Carmela Silva, entre outros asuntos, acordáronse unha serie de apoios, á Fase Nacional da Olimpíada Española de Bioloxía, que se celebrará en abril no campus vigués; ao X Congreso Internacional sobre Espectroscopia de Impedancia Electrónica; ao Congreso Nacional da Asociación Científica de Economía e Dirección da Empresa (ACEDE), que neste 2016 terá lugar en Vigo; ao I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia ou a terceira edición do Pont-Up Store, que se desenvolverán en Pontevedra.
Do mesmo xeito, tamén se abordou a participación da Deputación no 25 aniversario da Facultade de Ciencias do Mar, "que tanto interese ten para a nosa provincia", segundo Silva, así como o seu apoio a "liñas estratéxicas e proxectos" dos proxectos de especialización Vigo Tecnolóxico e ao CREA S2i do campus de Pontevedra.
Por outra banda, Silva apuntou tamén que esta reunión de traballo permitiría abordar a colaboración da institución académica no plan de compostaxe do ente provincial, así como ver "en que apartados podemos traballar conxuntamente" na formación vinculada co deporte, "na que cremos que a universidade pode achegar moito", así como na organización de actividades deportivas conxuntas.
OBSERVATORIO DE TURISMO
Así mesmo, a responsable da Deputación tamén puxo sobre a mesa a posibilidade de crear un Observatorio de Turismo. Nestes momento a administración provincial ten en desenvolvemento dúas propostas de observatorio, unha ligada ao proxecto Smart Destinations e outra incluída dentro do proxecto básico de turismo da provincia, que está en fase de redacción.
Unha vez que conclúan estas dúas propostas propoñerase á Universidade a posiblidad de que a institución académica forme parte deste observatorio "que queremos que sexa científico e rigoroso", permitindo tomar "decisións serias" a partir das súas análises.
ERASMUS
Así mesmo, a presidenta do ente provincial manifestou a vontade da institución de "manter as axudas aos estudantes para que poidan participar en programas Erasmus", unha medida posta en marcha pola administración provincial despois de que nos últimos anos o número de estudantes da Universidade de Vigo que gozaran dunha bolsa Erasmus descendese debido aos recortes do Ministerio de Educación.
O pasado mes de decembro a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo asinaron un convenio polo cal a institución provincial achegou 150.000 euros para impulsar a mobilidade do alumnado do campus de Pontevedra no marco do programa Erasmus +. "Para que ningún estudante teña que renunciar á formación polo feito de non ter recursos económicos", afirmou a presidenta.
Relacionadas:
-
O campus de Pontevedra está pendente do ministro Méndez de Vigo
Por Redacción |
-
Apoio ao programa de doutoramento do Campus CREA S2i
Por Oskar Viéitez |
-
Unha profesión con futuro: mestre composteiro
Por Oskar Viéitez |
-
A Universidade de Vigo e a Deputación promoverán bolsas no exterior para 150 alumnos
Por Redacción |
-
A Universidade de Vigo e a Deputación asinan o primeiro protocolo de colaboración institucional
Por Oskar Viéitez |