Sobres e billetes de 500 euros contra os recortes aos funcionarios
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
"Róubannnos a extra para irse de festa". Con ese e outros cánticos concentráronse os funcionarios do Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra para protestar polos recortes que están a sufrir.
Utilizando sobres e billetes de 500 euros, en alusión directa ao caso Bárcenas que salpica ao Partido Popular, os participantes na mobilización denunciaron a distinta vara de medir que, segundo eles, utilizan Xunta de Galicia e Goberno, tal e como recoñece o representante de CIG Fernando García, "coincide coa polémica que está habendo non PP e esa dobre moral de pedir austeridade na administración e sacrificio aos traballadores co dispendio que supón que entre todos lles paguemos os sobresoldos a Rajoy e compañía".
Os funcionarios aseguran sentirse avalados despois das dúbidas expresadas pola Audiencia Nacional sobre a constitucionalidade do recorte, á vez que se queixan de sufrir o dobre que outras autonomías, "en Galicia sufrimos un dobre recorte, o de 2012 e o deste ano que só afecta aos empregados públicos da Comunidade Autónoma".
Os sindicatos aseguran que seguirán coas protestas polo menos ata que se aproben os presupostos autonómicos, unhas concentracións que segundo María José Fuentes, de CCOO, son cada vez máis apoiadas, "cada vez son máis os empregados que participamos nestas mobilizacións porque estas medidas de austeridade só levan á precariedade dos servizos públicos e ao empobrecemento da clase traballadora".
Fuentes denunciou ademais o dato de redución do funcionariado no edificio pontevedrés da Xunta, "no principio eran case 900 persoas as que traballaban neste edificio pero coas amortizacións e non cobertura de postos quedan apenas 600-700 persoas e co previsto na lei de orzamentos aínda iremos a menos"