As universidades de Galicia e norte de Portugal colaborarán coa Deputación en proxectos de investigación
Por Oskar Viéitez
As universidades de Galicia e norte de Portugal xunto coa Deputación de Pontevedra colaborarán na promoción, dinamización e desenvolvemento da investigación interuniversitaria de carácter multidisciplinar na Eurorrexión.
A presidenta da administración provincial, Carmela Silva asinou este mércores o convenio de cooperación co presidente do Centro de Estudos Euro Rexionais (CEER) e reitor da Universidade de Minho, Antonio Cunha. Tamén asistiu o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez e o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, Rubén Lois.
A provincia de Pontevedra ten a singularidade de ser o territorio do Estado coa fronteira máis poboada, o que a xuízo do deputado Uxío Benítez axuda a conformar o Eixo da Eurorrexión polo que "aposta" a Deputación.
O CEER xa participou coa Deputación na elaboración de dous proxectos que optan ao financiamento europeo dos Fondos Interreg, as candidaturas Smart Miño e Visit Miño. Este última pretende investir 7,5 millóns de euros no territorio transfronteirizo, como "destino ecoturístico de excelencia", unha proposta presentada polos municipios da "raia", a través da Deputación e da Comunidade Inter Municipal Alto Minho portuguesa.
Rubén Lois explicou que o convenio hoxe subscrito pretende crear unha "rede de colaboración" entre os investigadores e a administración pública para "facer diagnósticos, elaborar análises e contribuír a todas as estratexias de desenvolvemento territorial".
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Minho, Antonio Cunha, enmarcou este acordo no traballo que desenvolven o conxunto de seis universidades, as tres galegas: Vigo, Santiago e A Coruña, xunto ás portuguesas de Porto, Tras-Móntesvos- e Minho. "Un potencial enorme con 150.000 alumnos e preto de 15.000 profesores", cun compromiso claro na "creación de talento, a investigación e a cultura científica", vinculando "o futuro das persoas" co desenvolvemento do territorio no que habitan.
Finalmente, a presidenta da Deputación, Carmela Silva reiterou que "estes son os actos que merecen a pena", en referencia a este acordo que "favorece a economía e a calidade de vida".
Agora, dixo Carmela Silva "temos que elaborar un Plan de traballo para pasar das palabras aos feitos, das ideas aos proxectos" xa que o goberno provincial, asegurou "que en torno ao río Miño hai un polo de desenvolvemento moi importante".