'Acordaste?' Comeza en Bueu o obradoiro de adestramento de memoria para maiores
Por Redacción
Este martes 15 de marzo comezará en Bueu o obradoiro 'Acórdaste?', organizado pola concellaría de Benestar Social, e que contribuirá a fomentar e estimular a memoria das persoas maiores de 65 anos.
Celebrarase no centro social do Mar entre as 10.00 e as 11.30 horas todos os martes e xoves ata o 15 de xuño e tamén entre as 11.45 e as 13.15 horas dos mesmos días na Casa do Pobo de Beluso.
Este obradoiro organízase no marco da primeira fase de políticas sociais activas postas en marcha desde o Concello de Bueu, e na que tamén se insire a Escola de Familias 'Educa coas emocións' e o obradoiro 'O reto de educar'.
Este último ten aberto o prazo de inscrición e comezará o 30 de marzo no salón de actos do IES Illa de Ons. Nel traballarase con estratexias e tácticas que axuden a lidar mellor cos fillos ou netos que se atopen nesa etapa adolescente, por certo tan complicada.
No marco da defensa de políticas sociais activas que canalicen as inquedanzas da veciñanza, o Concello porá en marcha nunha segunda fase máis obradoiros para fomentar a igualdade, a prevención da violencia de xénero, a protección do medio ambiente, o impulso da ecoagricultura ou o coñecemento e promoción do patrimonio cultural, arquitectónico e paisaxístico.
Estas actuacións intégranse nun proxecto de carácter multidisciplinar que abrangue diferentes ámbitos da vida na vila e en función dos cales se organizarán actividades coordinadas polas diversas concellarías.