Últimos retoques á nova praza de Pasarón
Por Alejandro Espiño
O estadio de Pasarón terá, por fin, unha entrada digna. A falta de pequenos remates, a nova praza situada ao carón da bancada de Tribuna xa está preparada para a súa inauguración.
Ao longo da vindeira semana, poderase utilizar con total normalidade todo este espazo, segundo avanzaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Obras Urbanas, Luis Bará, durante a visita que protagonizaron a este ámbito durante a mañá deste xoves.
Tras o investimento de preto de 200.000 euros, a parcela quedou acondicionada cun espazo para estacionamento tanto en batería como en liña, creando máis de cincuenta prazas que poderán ser empregadas polo barrio durante todos os días, agás os domingos de competición no campo de fútbol, dous días ao mes.
No caso de competición, os espazos recuperados servirán para situar unidades móbiles dos medios de comunicación, servizos de emerxencia e outros usos propios do campo.
Os accesos, sinalou o alcalde, son moi anchos para cumprir a normativa de seguridade necesaria no caso de instalacións destas características.
A entrada a este espazo farase dende a avenida da Coruña e a saída será pola rúa Luís Otero.
A obra tamén incluíu o acondicionamento dun paso estreito por detrás da bancada Sur do estadio, que é moi empregado polos veciños do barrio tanto para ir aos oficios relixiosos na igrexa de Santiaguiño, como para acceder ás distintas partes do campo.
É esta parte a que está pendente de rematar, así como o pintado da sinalización horizontal e a colocación da sinalización vertical.
A actuación complétase con zonas axardinadas ao carón do campo e ante a beirarrúa da avenida da Coruña, na que co paso do tempo faranse camiños peonís para mellorar a mobilidade entre os novos accesos ao campo e a rúa.