Ciudadanos impulsa unha nova ordenanza municipal para regular a venda ambulante
Por Redacción
O grupo municipal de Ciudadanos elaborou un borrador dunha nova ordenanza municipal para regular a venda ambulante en Pontevedra. Con ela, esperan dar solución á "tensa situación" que, segundo sinalan, viven estes comerciantes ao non contar cun respaldo legal ás súas actividades.
A portavoz de Ciudadanos, María Rey, fixo entrega deste borrador aos representantes da Asociación Galega de Ambulantes Autónomos, buscando que este documento conte coa aprobación do sector.
Ademais, para lograr unha solución consensuada trasladaranllo tamén tanto ao grupo de goberno como á oposición para que poidan estudalo e achegar as súas suxestións.
Ciudadanos pretende así dar resposta ao sector que, recentemente, presentou un escrito en numerosos concellos da provincia no que solicitaba a elaboración ou modificación de ordenanzas municipais para evitar a venda ilegal.
A formación laranxa ve necesario regular a actividade do mercadiño de Pontevedra para que "os que realmente están a responder ante as súas obrigacións legais poidan desenvolver a súa actividade sen conflitos e evitar ilegalidades".