A Policía Local de Ponte Caldelas estrea moto para usar na cidade e no monte
Por Redacción
Axudar nos labores de inspección rural e das rutas de sendeirismo existentes no municipio. É a principal tarefa que terá a nova motocicleta que se suma ao parque móbil da Policía Local de Ponte Caldelas.
Esta motocicleta, que foi solicitada polo Concello á Vicepresidencia da Xunta, permitirá unha maior operatividade á Policía Local de Ponte Caldelas debido á orografía do terreo e a extensión rural de que dispón o municipio.
Ademais, o Concello de Ponte Caldelas dotou á Policía Local de guantes e casco regulamentario coa fin de que os usuarios desta motocicleta conten cos elementos de seguridade apropiados para desempeñar o seu labor.
Andrés Díaz manifestou que esta motocicleta "vén a mellorar e modernizar o parque móbil e os efectivos da Policía Local coa intención clara de que gañen en operatividade para prestar un mellor servizos aos veciños e veciñas que residen nas zonas rurais do noso municipio".
O alcalde entende que será unha ferramenta axeitada para facer a inspección das distintas rutas de sendeirismo existentes no municipio e que necesitan ser percorridas de vez en cando pola Policía Local "para comprobar o seu estado e informar de calquera anomalía".