Alumnos de Ciencias Sociais, gañadores do concurso internacional XMINT Project
Por Redacción
Unha aplicación para teléfonos móbiles a través da cal, cunha "estratexia de gamificación" implicar á cidadanía nas actividades humanitarias que desenvolve UNICEF. Con esa idea cinco estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra gañaron o concurso internacional XMINT Project.
Coordinado pola universidade belga Karel de Grote, este concurso contaba coa participación de alumnos das universidades de Grenoble (Francia), Northumbria (Reino Unido), Katowice (Polonia) ou Charlemain (Bélxica).
Iago Souto, Alba Martín, Isabel Rey, Marta Caeiro e Ángel Rey, estudantes de Publicidade e Relacións Públicas e de Comunicación Audiovusual no campus pontevedrés, defenderon o seu proxecto este venres na sede de UNICEF, en Bruxelas.
O reto de todos os participantes era crear unha campaña 'crossmedia' para esta ONG, que implicaba a combinación de diferentes medios e soportes. No caso da proposta pontevedresa, o elemento central era unha aplicación para teléfonos móbiles coa que se tentaba fomentar as doazóns a UNICEF.
"Tratábase dunha aplicación para potenciar as doazóns, na que se facía unha equivalencia entre cousas ás que poderías renunciar na túa vida e o que poderías achegar a UNICEF", explica Vicente Badenes, un dos profesores que tutorizaba o proxecto.
Os profesores Oswaldo García, Mabel Míguez, Xabier Martínez e Vicente Badenes foron os encargados de coordinar o traballo deste grupo de alumnos desde o pasado mes de xaneiro.