Moreira, acusado de "machismo" por referirse a Carmela Silva como "delegada de Caballero"
Por Alejandro Espiño
O debate sobre os supostos "ataques" de Abel Caballero á capitalidade de Pontevedra terminou derivando nun asunto bastante máis desagradable. Durante a súa exposición, o portavoz do PP, Jacobo Moreira, referiuse continuamente á presidenta da Deputación, Carmela Silva, como a "delegada" do alcalde vigués en Pontevedra, unha expresión que non gustou nin ao BNG nin, sobre todo, ao PSdeG-PSOE.
"O tono despectivo do PP roza o machismo", afirmou o portavoz socialista, Agustín Fernández, despois de que nunha primeira intervención xa afease a Moreira o uso deste termo instándolle sen éxito a que o retirase, ao entender que era unha "falta de respecto absoluta".
O popular non o fixo e, pola contra, repetiu o cualificativo en varias ocasións o que lle valeu duras reprimendas desde as filas nacionalistas e socialistas.
Fernández reiterou que é "intolerable" que un representante político de Pontevedra diríxase neses termos á presidenta dunha institución pública. "Falta ao respecto ás mulleres", engadiu, cualificando os argumentos empregados por Jacobo Moreira como "rancios e asquerosos".
Alguén así, asegurou o portavoz socialista, "non pode representar ao seu partido", unha formación que "debería estar avergoñada" porque empregase expresións dese tipo. "Agora entendo porque o deixaron de lado no congreso do PP, señor Moreira", concluíu.
Este non foi o único encontrón que se viviu no pleno municipal deste luns. O outro foi provocado por unha pregunta formulada pola concelleira de Marea Pontevedra, Mari Carmen Moreira, acerca dunha presunta orde dada polo goberno municipal á Policía Local para "perseguir" aos senegaleses que venden paraugas na cidade, os que segundo esta edil, son obxecto dunha "especial vixilancia" por motivos de "raza e procedencia".
Esta insinuación ofendeu á concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, que negou dar orde algunha. "Minte intencionadamente", afirmou a edil do BNG, que retou á súa compañeira de corporación a que presente algunha proba documental da devandita instrución. Desmentiu que houbese "represión" contra ningún colectivo" e asegurou que os axentes "velan polo cumprimento de todas as ordenanzas", incluída a da venda ambulante.
Tras afirmar que "a min daríame vergonza asinar unha pregunta así", Da Silva advertiu á concelleira de Marea que se volve acusala de algo sen probas "adoptarei medidas".