Só o PP ve "ataques" de Abel Caballero á capitalidade de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Para o PP, nos últimos meses Abel Caballero está a protagonizar unha serie de "ataques ao rango e estatus" de Pontevedra como capital da provincia. O último, segundo sinalou no pleno da corporación, foi a súa intención de incluír un artigo no proxecto da área metropolitana de Vigo para que a cidade olívica teña un tratamento propio a unha capital de provincia, por parte de todas as administracións.
Aínda que este extremo foi rexeitado pola Xunta, sen a cal non se poderá aprobar esta cuestión, para Moreira é un paso máis nas "agresións" que Caballero protagonizou, en opinión do portavoz popular, para tratar de "dividir en dous" a provincia de Pontevedra e tratar de "desarmar" á capital.
Desde unha deputación provincial "antipontevedresista" -dirixida pola tenente de alcalde de Vigo-, segundo Jacobo Moreira impulsouse o peche de Ence, preténdese desprenderse da Cidade Infantil Príncipe Felipe, eliminouse o escudo da cidade da imaxe corporativa e pechouse a escola de gaitas, deixando sen clases a unhas 150 persoas.
Ademais, lembrou que nos últimos anos Pontevedra perdeu a sede do parque nacional das Illas Atlánticas, unha facultade de Turismo que se instalou finalmente en Ourense, un xulgado do mercantil e "non nos extrañaría que pronto marchara tamén a UNED para Vigo".
Todo iso necesita, apuntou Moreira, dun posicionamento "claro, determinante e contundente" da corporación municipal opoñéndose ás pretensións do rexedor vigués e, sobre todo, do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao que acusou de obviar este asunto para "manter a paz" no goberno provincial. "Hai que elixir entre un sillón na Deputación e a defensa de Pontevedra", engadiu.
Pero esta argumentación volvéuselle en contra ao PP. Toda a corporación, BNG, PSdeG-PSOE, Marea e Ciudadanos, optou por non apoiar a denuncia dos populares e lembraron que os gobernos do PP permitiron a creación da delegación da Xunta en Vigo, a segregación da Audiencia, a desaparición da sede da CRTVG en Pontevedra, a paralización da ampliación de Montecelo ou a fusión da Cámara de Comercio local coa de Vigo.
En 2009, lembrou María Rey, os populares non estiveron na manifestación en defensa da capitalidade. "¿Dónde estaba usted, señor Moreira, porque en la calle defendiendo a Pontevedra no estaba", afirmou a portavoz de Ciudadanos que lamentou que o PP trate de encabezar unha guerra "envenenada, medida y meditada" que, na súa opinión, "solo le beneficia usted" cando habería que traballar para "abrir a cidade á provincia, en lugar de pechala".
Mentres que Luís Rei protestou por "perder o tempo en retrucar a un jicho de Vigo", o portavoz do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández, afirmou que "sona irónico" que sexa o PP o que axite a "bandeira rancia do pontevedresismo" e acusoulle de meterse nun "fregado" que non beneficia aos populares pontevedreses, ao saír á luz de novo a "débeda histórica" da Xunta de Feijóo con Pontevedra.
Pola súa banda, César Mosquera cualificou a moción de "francamente esotérica" e ironizou sobre os supostos beneficios que, cun goberno do PP, repórtalle a Pontevedra ser capital de provincia porque iso non supón "nin un duro máis a maiores". Esta batalla, sinalou o edil do BNG, débese a que "por primeira vez" o grupo municipal do PP "quedou fóra" da Deputación e do comité de dirección dos populares pontevedreses.
Relacionadas:
-
Lembran a Jacobo Moreira que é o PP quen dará cobertura legal á capitalidade de Vigo
Por Oskar Viéitez |
-
Moreira ataca a Lores por non defender a capitalidade ante Abel Caballero
Por Redacción |
-
No PP de Pontevedra preocupa a intención de Ponte Caldelas de integrarse na Área Metropolitana de Vigo
Por Oskar Viéitez |
-
Moreira, acusado de "machismo" por referirse a Carmela Silva como "delegada de Caballero"
Por Alejandro Espiño |
-
Unha delegación da CRTVG en Benito Corbal?
Por Alejandro Espiño |
-
O PP levará a pleno unha moción sobre "os continuos ataques de Abel Caballero a Pontevedra"
Por Redacción |