A onda de roubos en Monte Lobeira xa ten culpables
Por Redacción
Ata once coches víronse afectados nas últimas semanas por unha onda de roubos no miradoiro de Monte Lobeira. E tras unhas arduas investigacións, a Garda Civil deu cos seus supostos autores.
Trátase de dous veciños de Vilagarcía de Arousa, de 56 e de 29 anos respectivamente, que foron detidos este luns.
Ao maior detívoselle como o presunto autor de once delitos de roubos con forza, así como de dous delitos de danos leves; mentres que ao mozo impútaselle a colaboración en dous deles.
O modus operandi era sempre o mesmo. Os donos dos vehículos deixábanos estacionados para subir a contemplar as vistas panorámicas que ofrece o miradoiro de Monte Lobeira, tempo que os detidos aproveitaban para romper cunha pedra o cristal dun dos portelos.
Así se apoderaban de bolsos ou carteiras que abandonaban posteriormente entre a maleza da masa forestal, despois de subtraer o diñeiro que había no seu interior.
Os detidos, que contan con antecedentes policiais, quedaron en liberdade coa obrigación de presentarse no Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía cando sexan chamados pola autoridade xudicial.