Trinta stands para un Salón de Oportunidades que estrea escenario, a Praza do Mar
Por Redacción
Sanxenxo ten todo a punto para acoller a quinta edición do seu Salón de Oportunidades, un evento que foi presentado este martes polo presidente do Centro Comercial Urbano Entretendas, Xullo Presas, e o concelleiro de Festas, Roberto Carlos Agís.
Serán tres días de actividades, do 24 ao 26 de marzo, nos que os comerciantes tratarán de dar saída a produtos en stock pero con importantes reducións no prezo. Todos eles confían en que a oferta global sexa do interese dos consumidores de toda a comarca.
Xullo Presas explicou que tradicionalmente este Salón de Oportunidades realizábase en Portonovo coincidindo a Festa da Raia, aproveitando tanto a infraestrutura loxística como a animación parella a este evento.
Pero a suspensión do evento gastronómico levou a Entretendas a manter a data pero a variar a localización, pasando á Praza do Mar de Sanxenxo, confiando no tirón turístico destes días.
Na trintena de casetas, os asistentes poderán atopar roupa de home, de muller, infantil, de zapatos, unha moblería, unha ferraxería e ata unha tenda de chucherías. E xusto xunto a esta caseta haberá unha ludoteca, na que varios monitores encargaranse de que os nenos estean entretidos mentres os seus pais visitan o salón.
Xunto á actividade estritamente comercial está deseñada tamén unha ampla programación cultural que terá a Praza dos Barcos e a Praza do Pazo como escenarios principais.
Así, o xoves a Praza dos Barcos acollerá unha actividade musical de 19 a 21 horas, a cargo de Studio 21 Discotecas Móviles. O mesmo escenario é o elixido para outra actuación, tamén música, a tarde do venres e a mañá do sábado, de 12 a 14 horas.
Terapia de Grupo actuará tamén o venres na Praza dos Barcos de 12 a 14 horas e na Praza do Pazo de 19 a 21 horas. E por último a masterclass de zumba desenvolverase na Praza dos Barcos de 18 a 19 horas do venres.