Solicitan sinaturas para que se imparta Inglés avanzado C1 na Escola de Idiomas de Pontevedra
Por Redacción
Unha estudante da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra iniciou unha campaña a través de Change en Internet para reclamar á Xunta de Galicia que se imparta a disciplina de Inglés avanzado C1 no centro situado na Xunqueira.
Segundo expón esta alumna, o Inglés avanzado C1 resulta un requisito imprescindible para realizar estudos superiores no estranxeiro, ocupar postos laborais e mellorar as competencias de expresión escrita e oral. Este nivel convértese nun aspecto fundamental para a internacionalización dos negocios e pequenas e medianas empresas.
No escrito que se exhibe na plataforma Change sinálase que a Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra é a única que non ofrece esta formación e apunta a que podería ser aproveitada pola poboación de todos os municipios de ao redor da capital. E móstrase o malestar porque no resto destes centros públicos creados en Galicia si existen cursos de Inglés C1, como sucede en Vilagarcía, Vigo, A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense ou Ferrol.
Por este motivo, reclaman á directora do departamento de Inglés da Escola, María Sol Fernández, e á consellería de Educación da Xunta que adopten as medidas necesarias para ofrecer esta formación avanzada o próximo curso 2016-17.