Luns anti meigallo en San Cibrán baixo chaparradas
Por Redacción
O mal tempo, con previsión de precipitacións durante a xornada e ventos desapracibles, marcarán esta xornada de Luns de Pascua en que está prevista a celebración da tradicional romaría de San Cibrán na parroquia pontevedresa de Tomeza.
Durante a mañá celebraranse cerimonias relixiosas cada hora na capela situada no monte de Lusquiños, coa misa central ás 13.00 horas. Os asistentes á festa teñen que cumprir co ritual que marca a tradición. Para quitarse o meigallo é necesario dar nove voltas á capela da ermida ao mesmo tempo que se lanzan pequenas pedras ao tellado do edificio. Outra das tradicións marca que os devotos deberán pasar tres veces por baixo da imaxe do santo. Os fieis protagonizarán unha procesión levando a figura de San Cibrán ao lombo e tamén se bendirán ramos e oliveiras.
Ao longo da xornada, o grupo de gaitas Os Chaneiros amenizarán a festa e durante a noite celebrarase unha verbena coas orquestras Xerusalén e Marbella.
Tamén durante este luns celébrase a romaría das Cabezas na Armenteira, Meis. Esta virxe, segundo a tradición, elimina os males relacionados coa cabeza.