Marea Veciñal de Marín convoca unha xuntanza cidadá para "rendir contas"
Por Oskar Viéitez
Este venres 1 de abril a Marea Veciñal de Marín convocou unha xuntanza cidadá para "rendir contas" e recoller novas iniciativas.
Os membros da Marea consideran que a súa entrada no Concello de Marín supuxo un cambio, dende a fórmula de xuramento, até a petición dunha redución do número de representantes nas comisións, a baixada dos salarios nun 10% dos membros da corporación ou a devolución das medallas.
Nestes 10 meses de traballo a Marea presentou máis de 23 iniciativas: dende un convenio coa Escola Naval para usos deportivos, a petición da restitución do servizo de ambulancia asistencial 24 horas, un Plan de Mobilidade Integral, revogación da prórroga ENCE, adhesión ao servizo de normalización lingüística do Morrazo...ou a devolución do camiño das Morquenas á veciñanza o que supuxo a creación da primeira Comisión de Investigación no Concello de Marín.
A Marea quere ser "correa de transmisión" da cidadanía no Concello, queren que toda a veciñanza participe das decisións e elabore os seus propios proxectos, ésta é unha das principais razóns da xuntanza do vindeiro venres na Biblioteca Pública Vidal Pazos, que continuará polo resto das parroquias.