Concienciar os nenos da provincia dos beneficios de compostaxe, novo obxectivo da Deputación
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, acaba de asinar un convenio co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), para poñer en marcha un programa dirixido a todos os nenos de primaria e secundaria da provincia para que entendan a necesidade de separar a materia orgánica do lixo para reducir os elevados custos de recollida e tratamento, levando estes residuos aos composteiros.
Este programa atenderá preferentemente a aqueles colexios próximos aos centros de compostaxe comunais que a Deputación ten previsto instalar en distintos concellos da provincia, e irá acompañado dunha formación específica tamén para o profesorado.
Entre os obxectivos deste programa atópase "concienciar" á comunidade educativa do problema dos residuos e alcanzar un "cambio de actitudes e responsabilidades" na separación de residuos orgánicos domésticos.
Ademais, busca lograr un "compromiso persoal" ante a redución dos mesmos e co uso dos composteiros comunitarios.
Para iso os membros do Ceida coordinarán un programa educativo que inclúe, entre outras actividades, unha esposición itinerante, formación e asesoramento documental para o profesorado e mesmo un Congreso de Educación Ambiental sobre residuos para os colexios da provincia.
O convenio ten un custo total de 80.000 euros.