Manuel Domínguez Rey, novo responsable comarcal do BNG O Salnés
Por Redacción
O BNG do Salnés renovou o Consello Comarcal coa presentación dunha única candidatura, encabezada por Manuel Domínguez, e aprobada por unanimidade na Asemblea Comarcal celebrada este martes.
Manuel Domínguez, natural de Cambados, biólogo e educador ambiental de profesión, substitúe no cargo a Xoán Xosé Castaño que será o vice-responsable comarcal.
O novo responsable comarcal destacou a representatividade do Consello Comarcal, integrado por persoas de distintos ámbitos sociais e laborais, algunhas que xa participaron no anterior consello e con novas incorporacións.
Na súa intervención na asemblea comarcal, Manuel Domínguez agradeceu o apoio dos militantes á súa candidatura e comprometeuse, xunto co novo Consello Comarcal, a traballar na defensa dos sectores produtivos da comarca e na loita para combater os recortes en políticas sociais e servizos públicos levados a cabo polo PP na Xunta de Galicia e no Estado.
Manuel Domínguez manifestou ademais que un dos principais obxectivos é por en marcha os acordos adoptados na XV Asemblea Nacional do BNG e así avanzou que "traballaremos desde o Salnés para afortalar o proxecto nacionalista como única alternativa na defensa dos intereses dos galegos e galegas".
No novo Consello Comarcal estarán presentes ademais Montse Prado, deputada no Parlamento Galego; os portavoces municipais de Cambados, Meis, O Grove, Sanxenxo e Vilagarcía e persoas que por primeira vez formarán parte deste órgano como Helena Vilas de Sanxenxo; Vanessa Meis, militante de Galiza Nova ou Marta Ferreiro, profesora de secundaria.
Ao Consello Comarcal incorporaranse os responsables locais do BNG que serán elexidos nas vindeiras semanas para rematar co proceso asemblear do BNG iniciado coa celebración da XV Asemblea Nacional.
Consello Comarcal BNG O Salnés: Manuel Domínguez, responsable comarcal; Xoán Xosé Castaño, vice-responsable comarcal; Sandra Fernández Agraso, Vanessa Fariña, Heladio Outeiro, Duarte Correa, Ester Vázquez, Marta Ferreiro, David Torres, David Otero, Lucía César, Vanessa Meis, Xabier Ríos, Víctor Caamaño, Montse Prado, María Villaronga, Xosé Henrique García, Pilar Xiráldez e Helena Vilas.