A indicación xeográfica protexida de viños "Ribeiras do Morrazo" estrearase a próxima vendima
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará antes de que remate este mes de abril o prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) "Ribeiras do Morrazo", que amparará os viños producidos nesta zona do litoral pontevedrés.
A partires dese momento abrirase un prazo de dous meses para a presentación de alegacións e despois continuará o trámite nas instancias galega, nacional e europea.
Así llo anunciou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, a un grupo de viticultores desta zona, cos que mantivo unha xuntanza de traballo en Santiago.
A directora xeral comprometeuse a axilizar os trámites para impulsar esta IXP, co obxectivo de que a vindeira colleita poida estar xa certificada con este selo de calidade diferenciada.
O prego de condicións establece as condicións que teñen que cumprir estes viños para seren certificados coa devandita IXP. Entre estas características salienta o vínculo coa zona xeográfica de produción (concellos de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa).
Este documento, que está a ser ultimado polos promotores da IXP en colaboración con técnicos da Consellería do Medio Rural, recolle as variedades de uva admitidas, que serán Albariño, Caíño Blanco, Godello, Loureira, Treixadura, Branco lexítimo e Torrontés (en brancos) e Brancellao, Caíño Tino, Pedral, Espadeiro, Loureiro Tinto, Mencía e Sousón (en tintos).
En canto á descrición dos viños, o prego de condicións sinala que son "frescos e suaves en boca, limpos, brillantes con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con graduacións alcohólicas moderadas, con aromas florais e de froitas e, finalmente, con boa e equilibrada acidez. Os viños brancos terán potente intensidade aromática e os tintos ben cubertos en fase visual".
Relacionadas:
-
A Xunta autoriza a comercialización do viño da IXP Ribeiras do Morrazo no mercado español
Por Redacción |
-
O BNG esixe á UE que recoñeza "de inmediato" o viño Ribeiras do Morrazo
Por Alejandro Espiño |
-
Queda recoñecida en España a indicación xeográfica protexida de viños "Ribeiras do Morrazo"
Por Redacción |
-
O viño Ribeiras do Morrazo dá un paso máis para conseguir a súa etiqueta
Por Oskar Viéitez |
-
Impulso municipal ao recoñecemento de Indicación Xeográfica Protexida para os viños da comarca
Por Oskar Viéitez |
-
Os viños de Pontevedra, Poio e O Morrazo poderían ter Indicación Xeográfica Protexida
Por Redacción |