Xornada de protestas para rexeitar a privatización dos servizos públicos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Persoal laboral dos servizos periféricos da administración xeral do Estado desenvolveron este martes unha protesta polas rúas de Pontevedra para rexeitar a privatización de servizos públicos.
A protesta comezou nas oficinas do paro a primeira hora da mañá facendo un percorrido polas distintas oficinas ata rematar diante da Subdelegación do Goberno onde se depregou unha faixa na que se podía ler "Contra a privatización dos servizos públicos" e se repartiron folletos informativos entre os viandantes nos que se explican os principais motivos da convocatoria.
Entre eles, rexeitan a privatización dos servizos públicos ao entender que supón a expropiación de recursos de todos os cidadáns. Así, lembran que na actualidade empresas privadas están a xestionar datos de máis de 40 millóns de persoas a través de contratos adxudicados pola Xerencia de Informática da Seguridade Social, como tamén xestionan a atención telefónica da Tesourería Xeral da Seguridade Social.
REPAROS DO TRIBUNAL DE CONTAS
No texto explicativo indícase que o propio Tribunal de Contas dixo con respecto á fiscalización dos contratos coas empresas privadas que "falta xustificación da insuficiencia de medios persoais e materiais", ademais de botar de menos máis transparencia e obxectividade.
O Tribunal tamén critica a excesiva dependencia tecnolóxica e a falta de estudos obxectivos comparando o custe económico que supón realizar esas actividades con persoal propio e o custe de facelas mediante a contratación de empresas externas.