Folga estudantil: "Pública somos, pública seremos e pola privada nunca pasaremos"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os estudantes protagonizaron unha xornada de folga para reclamar un ensino público de calidade e facer fronte aos ataques que, segundo entenden os convocantes, provoca a LOMCE en ensinos medios e na universidade, a través do decreto 3+2, que marcará o sistema universitario cara a 2020.
A folga, segundo Paulo Queiruga, representante do colectivo Erguer, contou con numeroso apoio nos centros de ensino de Pontevedra nos que o seguimento da convocatoria sitúase entre o 90 e o 95% tanto entre os estudantes de ensino medio como entre os universitarios. Como exemplo, o representante dos estudantes apunta que no Centro Torrente Balletester só asistiron 29 alumnos este mércores ás aulas.
En canto á manifestación, que se iniciou ao mediodía na praza da Peregrina e que percorreu o centro de Pontevedra, desde Erguer sinalan que foi un éxito e que non se lembraba tanta participación nos movementos de estudantes durante os últimos anos.
Os cánticos dos manifestantes centráronse na reclamación dun ensino público de calidade: "Pública somos, pública seremos e pola privada nunca pasaremos" e en críticas á xestión de Núñez Feijóo e á vinculación da LOMCE con organizacións relixiosas: "A LOMCE é a lei do Opus Dei". Por iso piden a derrogación desta lei, aprobada polo goberno do Partido Popular.
Paulo Queiruga reclama un ensino galego, pública, democrática, laica, de calidade e non patriarcal, ao entender que durante os últimos anos, a educación avanzou na dirección oposta cara a unha total mercantilización. Apuntan que coas medidas que quere adoptar o goberno atácase ás humanidades e suprímese un ano de grao universitario, obrigando a realizar un posgrao de especialización, coa subida de custos.
A manifestación, que contou coa presenza dos concelleiros do goberno local, Demetrio Gómez e Alberte Oubiña, finalizaba coa reclamación por parte de estudantes de Restauración, que piden a consideración de grao, a lectura dun manifesto e o canto do himno de Galicia.
Tamén no Salnés e en Arousa, numerosos estudantes sumáronse á convocatoria, que contou cunha concentración en Vilagarcía, que segundo os organizadores, serviu de resposta aos ataques do goberno español contra o ensino público.