Os veciños de Mourente coñecen sobre o terreo o proxecto das obras da PO-532
Por Oskar Viéitez
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañado polo presidente da Asociación de Veciños de Mourente, Eulogio Sartier, visitou este mércores a estrada da PO-532 ao seu paso por esta parroquia onde se van a executar obras de reforzo do firme antes do verán de cara a mellorar a seguridade viaria.
A obra conta cun orzamento de 86.526 euros, para o fresado e reposición do firme localizado ao longo dos tres primeiros quilómetros desta estrada, tanto na travesía como na propia estrada.
Aproveitando estas obras se rebaixarán varias beirarrúas para facilitar a accesibilidade, e se eliminarán algúns escalóns que se atopan incluídos nas propias beirarrúas e que impiden o paso tanto de persoas con discapacidade como de carritos de nenos.
Cores aproveitou para anunciar que tamén se executarán obras de mellora e reposición de firme na estrada PO-542 entre Ponte Bora e O Pino en Pontevedra, cun investimento de 150.170,20 euros, e permitirá a mellora do firme ao longo de 3,2 quilómetros.