O control de acceso á estación de tren, só de mañá
Por Redacción
O control de acceso á estación de tren de Pontevedra aumenta os índices de seguridade das instalacións, pero só en horario de mañá. Así o asegura o sector de seguridade privada de FES UGT, que denuncia a través dun comunicado que a pesar de que o Ministerio do Interior decretou a alerta terrorista 4 en Santiago de Compostela e ata a capital galega chegan trens dende Vilagarcía de Arousa e Pontevedra, nestas dúas estacións a seguridade deixa moito que desexar.
Ao respecto, indican que as estacións que comprenden o Eixo Atlántico son A Coruña, Santiago, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo. En todas elas "hai seguridade mínima" e en Pontevedra e Vilagarcía "a situación aínda é máis precaria", pois a última non ten control de seguridade no acceso ao tren e en Pontevedra só funciona en quenda de mañá.
O sector de seguridade privada de FES UGT Galicia entende que estas decisións crean un risco aos cidadáns que utilizan este tipo de transporte publico nunha situación na que a alerta do Ministerio do Interior implica ampliar os efectivos policiais e extremar as medidas de seguridade xa de por si existentes.
UGT indica que non entende que a empresa ADIF na última década incida nos recortes en materia de seguridade no chamado Eixo Atlántico de Alta Velocidade, "deixando á súa sorte o que poida ocorrer nos seus trens ao non poder realizar cunhas mínimas garantías o control dos viaxeiros que acceden aos mesmos".
FES-UGT esixe aos responsables de ADIF o cumprimento da Lei de Seguridade Privada en materia de controis de acceso e a dotación adecuada de vixiantes de seguridade en cada estación para minimizar os posibles riscos e non antepoñendo os intereses económicos da empresa á seguridade dos usuarios e traballadores.
Ao respecto, indican que a súa intención "non é xerar alarma, senón que se adopten as medidas adecuadas para evitar unha desgraza da que todos seríamos responsables, uns por actores e outros por non tomar as medidas que impidan actuar".