Teu Pontevedra, unha mostra do orgullo colectivo pola cidade
Por Redacción
Meu Pontevedra é, para moitos críticos, unha das mellores declaracións de amor escritas xamais. E non se fixo a unha persoa, senón a unha cidade, a do Lérez. O seu autor é coñecido para todos, Castelao. E agora, parafraseando o nome dese escrito, o Concello busca facer a súa particular declaración para que todos os pontevedreses, se así o desexan, poidan deixar constancia do seu namoramento coa súa cidade.
Así, a praza de Ourense acolle desde este xoves a exposición Teu Pontevedra, un percorrido polo modelo urbano da cidade, un antes e un despois, recollendo os principais cambios urbanos e da mobilidade que se realizaron nos últimos anos.
A exposición consta de dúas partes: unha máis explicativa e outra fotográfica na que se poden ver os cambios da cidade.
Nos diferentes paneis informativos, detállase a filosofía da transformación da cidade e algúns dos referentes aos que Pontevedra mirou nos últimos anos.
Tamén se explican as diferentes decisións que se tomaron no ámbito da mobilidade alternativa, accesibilidade ou seguridade viaria, ou os premios que este modelo foi logrando co paso do tempo ata converter a cidade nun referente nacional e internacional.
Na mostra tamén se expoñen algúns dos resultados acadados en termos de redución do tráfico ou das emisións ambientais, así como a aposta por dotar á cidade de máis actividade e vida nas rúas con propostas culturais, deportivas ou festivas.
A exposición tamén proxectará un vídeo sobre a cidade na que persoas anónimas explican como era Pontevedra antes da reforma. Este vídeo estará nun espazo pechado da exposición, polo que haberá un horario de mañá e tarde para visualizalo.