Pontevedra, unha "utopía realizada" para unha universidade belga
Por Redacción
Pontevedra é, para a Universidade Católica de Louvain, una "utopía realizada" no ámbito das cidades. Por iso, a do Lérez foi elixida para participar no encontro denominado 'NightShop#6: Utopías urbanas'. E por ese motivo, Miguel Anxo Fernández Lores trasladouse a Bélxica para explicar os detalles do modelo urbano pontevedrés.
A universidade francófona, creada en 1971 a raíz do conflito lingüístico de Louvain, está dedicando este curso académico ás utopías, coincidindo co 500 aniversario da publicación de Utopía de Tomás Moro, para coñecer como de vixentes ou de conseguidas están as utopías nos diferentes eidos da sociedade.
A cita foi na cidade belga de Charleroi e a intervención do alcalde produciuse logo da proxección dun breve vídeo de Pontevedra.
Xunto a Fernández Lores, participaron neste encontro Marc Fleurbaey, profesor da Princeton University e especialista en desigualdades; Georgios Maillis, mestre arquitecto da cidade de Charleroi; ou Philippe Van Parijs, profesor en Oxford.
O alcalde explicou, entre outras cuestións, que cambiar Pontevedra foi froito de moitos anos de traballo previo na oposición, dun equipo de persoas convencidas e expertas no que se ía facer, cos técnicos municipais ao fronte e coa complicidade e anuencia dos cidadáns.
Os obstáculos foron os habituais, segundo sinalou na súa intervención, pero salvo algunhas persoas contrarias ao cambio, dixo, a maior parte da cidadanía estaba de acordo con este modelo, que fai que "todos somos iguais: o rico e o pobre, os nenos e os vellos, os que teñen problemas de mobilidade e os que non", convertendo a Pontevedra nunha cidade "máis democrática".
Durante o debate, o arquitecto Georgios Maillis recoñeceu que o máis importante do cambio de Pontevedra é a recuperación dos espazos públicos; mentres que Philippe Van Parijs, profesor de Oxford, reivindicou facer as cidades para os nenos, e Marc Fleurbaey, profesor en Princeton, gabou este modelo como unha boa experiencia para cambiar a vida da xente", onde se restablece a democracia básica xa que "non hai zapatos Mercedes ou zapatos Renault".
Antes desta cita, o alcalde visitou a cidade de Louvain La Neuve acompañado de profesores da universidade, que lle explicaron a singularidade da cidade. A vila é unha cidade peonil creada a imaxe e semellanza da súa universidade, sen grandes monumentos nin avenidas, na que os automóbiles circulan baixo a gran placa de formigón na que se levanta a cidade, inspirada nas cidades medievais con distancias practicables a pé, rodeada de campo e de bosque.
Antes de viaxar a Charleroi para participar na NightShop#6, o alcalde atendeu ao xornal Le Soir, un dos principais medios do país, que lle fixo unha entrevista sobre o modelo de cidade, e o seu posible traslado a cidades belgas, tendo en conta que neste momento existe unha grande polémica sobre a peonalización de parte do centro urbano de Bruxelas.
PONTEVEDRA, NO ENCONTRO DA DGT EN BADAXOZ
Pola súa banda, Carme da Silva foi a encargada de representar a Pontevedra no VI Encuentro de ciudades para la Seguridad Vial y la Movilidad Sostenible da Dirección Xeral de Tráfico (DGT), que se está a desenvolver en Badaxoz.
A tenente de alcalde participou na primeira mesa de debate das xornadas: Cara a un novo modelo de cidade, na que compartiu espazo con Javier Villalba Carrasquilla, xefe da Unidade de Ordenación Normativa da DGT; Antoni Poveda Zapata, presidente da Rede de cidades pola Bicicleta e Jorge Romea Rodríguez, responsable do PMUS do concello de Rivas Vaciamadrid.
Máis de 300 persoas participaron neste foro de análise e debate no que a tenente de alcalde expuxo as características dunha cidade que "prioriza ás persoas por enriba de todo" e foi interpelada por asistentes de Albacete, Ávila, Bilbao, Barcelona ou Pamplona.
Da Silva asegurou que moitos deles "xa tiñan referencias da calidade urbana de Pontevedra", a través de diferentes publicacións, polo que destacou que a xente interesouse especialmente por cuestións máis puntuais como o modelo de estacionamento de servizos, as ratios de seguridade viaria da cidade ou as estratexias para disuadir aos tráficos non necesarios para que non entren no centro da cidade.
Relacionadas:
-
Lores enxalza as virtudes do modelo de sustentabilidade urbana de Pontevedra no Foro das Cidades de Madrid
Por Redacción |
-
As viaxes do goberno de Lores acenden os ánimos no pleno municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Badajoz, Louvain, Burgos, Granada e Narón, novas citas do modelo de cidade
Por Redacción |
-
Teu Pontevedra, unha mostra do orgullo colectivo pola cidade
Por Redacción |