O goberno municipal de Poio reármase tras a "pequena ferida" que deixa a saída de Silvia Díaz
Por Alejandro Espiño
"Non son as mellores circunstancias, pero é o que hai". Con esa frase comezaba o alcalde de Poio, Luciano Sobral, a rolda de prensa na que daba conta dos obrigados cambios no goberno municipal tras a saída de Silvia Díaz, a ata agora edil de Cultura, que decidiu abandonar o BNG. Unha decisión persoal que, destacou o rexedor, "respecto pero non comparto" e que lle obriga a reorganizar o seu equipo.
Así, a área de Cultura pasará a ser desempeñada por Lida Salgueiro, que manterá as súas responsabilidades como concelleira de Festexos; mentres que Educación pasará a ser asumida por Marga Caldas e sumarase ás súas atribucións na área de Deportes. A reestruturación complétase coa delegación de Saúde que tamén deixa Salgueiro e pasa a Xosé Lodeiro, actual responsable de Medio Ambiente, Sanidade, Mercados e Cemiterios.
Ademais, Xulio Barreiro será o novo portavoz do goberno municipal.
Con estes cambios, segundo Sobral, o grupo do BNG queda "ben organizado" e coas súas áreas "perfectamente definidas". Recoñece que con esta saída "queda unha pequena ferida" e o equipo de goberno "algo debilitado" porque entende que "non é o mesmo repartir o traballo entre dez persoas que entre nove", pero garantiu que "seguiremos velando polo noso compromiso cos veciños de Poio".
Xunto con este anuncio, tanto Luciano Sobral -que compareceu arroupado polo resto de edís nacionalistas- como os responsables locais do BNG, volveron a esixir a Silvia Díaz que entregue a súa acta de concelleira para que "outro compañeiro teña a oportunidade de traballar dentro do equipo". Neste caso sería María Carballa, que ía no oitavo posto da lista coa que o BNG se presentou ás eleccións.
"Parécenos que o máis ético, o máis coherente e o máis responsable sería que deixase paso a outra persoa da candidatura", insistiu Sobral.
Pola súa banda, Xosé Luís Martínez, responsable local do BNG, explicou que o partido descartou que Silvia Díaz puidese continuar no goberno como independente porque "deixou de crer no proxecto político do BNG", o que derivou no seu cesamento.
"É difícil defender que abandonas o BNG e seguir tendo responsabilidades de goberno", engadiu Luciano Sobral, quen desvelou que tentou sen éxito, ata un par de días antes de anunciarse a súa decisión, que a súa compañeira continuase na disciplina do partido ata final de mandato e que, a partir de aí, "fixera o que considerase oportuno".
En todo caso, todos sinalaron en que confían en que, se ao final opta por manter a súa acta de concelleira, Silvia Díaz siga colaborando na gobernabilidade do municipio. "Confío en Silvia e non creo que vote co PP", asegurou o alcalde de Poio, quen destacou en varias ocasións a amizade persoal que lle une con ela "e iso non cambiará" a pesar da súa saída do partido e, como consecuencia, do goberno municipal.
Sexa como sexa, desde o BNG aseguran que é a única baixa que se produciu en Poio desde que o partido optou por non explorar a vía de confluencia con En Marea. Por iso, Sobral non dubidou en sentenciar que "o noso grupo de goberno non lle vai a fallar ao nacionalismo".