Silvia Díaz, concelleira de Cultura en Poio, marcha do BNG e abandona o goberno municipal
Por Alejandro Espiño
Tras nove anos no goberno municipal de Poio, Silvia Díaz deixa o BNG. É unha decisión "moi meditada" e que non debe, en ningún caso, a discrepancias no seo do executivo local. Marcha desconforme co rumbo que tomou a dirección do partido de afastarse dunha posible confluencia coas Mareas, aínda que recoñece que "non creo que sorprenda a ninguén os motivos polos que tomei esta decisión".
Silvia Díaz entende que o BNG debe facer unha política "útil, áxil e que dea resposta ás necesidades da cidadanía". E iso non o pode facer en solitario, senón que "hai que ser valente e reunir a forza suficiente para plantar cara ao PP" indo cara a unha confluencia con outras forzas políticas. "E a liña do BNG non vai por ese camiño", polo que manterse no partido sería unha "contradición" para ela.
A ata agora responsable Cultura no Concello de Poio explicou que comunicou a súa decisión aos seus compañeiros o pasado 15 de marzo, durante unha reunión do grupo municipal. Dous días despois solicitou a baixa no BNG. Tamén comunicou a súa decisión ao PSdeG-PSOE porque "era lóxico que falara con eles porque dalgún xeito como goberno tamén lles afecta".
A pesar diso, ofreceuse a seguir formando parte do goberno local como independente, mantendo as súas responsabilidades como concelleira de Cultura.
"Nas eleccións presentámonos como BNG-Asembleas Abertas, unha fórmula que posibilitaba a inclusión de independentes na candidatura", explica a edil, que lembra que en Poio "sempre houbo xente que nin sequera era militante" nas candidaturas do BNG.
De feito, explica que iso é o que veu facendo no último mes e medio "cumprindo día a día coas miñas obrigas" como así seguirá realizando, asegura, "ata que se asine o decreto e me retiren as miñas delegacións" e se aprobe no pleno do próximo martes.
Iso é debido a que o Consello Local do BNG decidiu que a posibilidade de manterse como independente "non era aceptable", segundo Díaz, e comunicáronlle que tiña que abandonar o grupo municipal e deixar o goberno. Ademais, solicitáronlle que entregase a súa acta de concelleira para permitir a entrada da seguinte persoa da candidatura nacionalista. Pero ela por agora négase a abandonar a corporación.
"Acato e respecto as decisión da organización. Sabía que podía pasar isto, era unha opción posible pero desde logo a peor de todas", sinalou.
Pero entende que hai apenas un ano presentouse ás eleccións baixo un programa que "sigo compartindo ao 100%" e que, como edil elixida polos veciños de Poio, debe continuar ata o final do mandato. Farao como concelleira non adscrita como así formalizou xa no concello e manterá a súa presenza en todas as comisións informativas.
En todo caso, Silvia Díaz insiste en que no goberno municipal de Poio "non hai crise", porque independentemente de onde se vaia a sentar agora como edil non adscrita o PP "seguirá téndome enfronte" e continuará colaborando co Concello en todo aquilo que redunde en beneficios para os veciños de Poio "como vin facendo sempre".
Relacionadas:
-
Silvia Díaz, á fronte dun novo partido en Poio: Avante Poio
Por Redacción |
-
O PP critica que as divisións internas no BNG "impiden que se traballe nos problemas reais de Poio"
Por Redacción |
-
O goberno municipal de Poio reármase tras a "pequena ferida" que deixa a saída de Silvia Díaz
Por Alejandro Espiño |