Os ósos atopados en Bora son dun pontevedrés que desapareceu no 2012
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga
Resolveuse o misterio. Os ósos humanos achados o pasado 24 de marzo en Bora correspóndense cun pontevedrés que desapareceu no ano 2012. Así o confirmou o resultado das análises do ADN que se practicaron en Madrid, como se recolle no informe recibido na Brigada Provincial da Policía Científica, dependente da Policía Nacional.
Segundo puido saber PontevedraViva, trátase dun veciño do barrio de Estribela de 42 anos cuxa desaparición foi denunciada o 24 de xaneiro daquel ano. A súa irmá aseguraba entón que non sabía nada del desde facía unha semana.
Previamente a esa data, o home estivera ingresado no Hospital Montecelo, de onde se foi tras solicitar a alta voluntaria. A partir de aí, desapareceu e nunca se soubo nada máis del.
A familia xa foi informada da identificación destes restos.
Fontes da investigación confirmaron que a súa non foi unha morte violenta, aínda que non deron máis detalles sobre o que puido pasar para que os seus ósos atopásense semienterrados a beiras do Lérez, no lugar das Pontes (Bora).
Foi un veciño de Bora o que localizou o cranio e un fémur deste home nunha leira próxima ao seu domicilio. Ademais, no lugar tamén se acharon unhas zapatillas deportivas, un reloxo e diversas pezas de roupa.
Alí levaban uns catro anos, polo que os investigadores calculan que a morte se produciu pouco despois da súa desaparición.
Ademais da análise do ADN, cruzáronse os resultados coa base de datos de desaparecidos, o que axudou a determinar a quen correspondían os restos óseos humanos.
Relacionadas:
-
Localizan un cranio humano sobre a herba nos antigos terreos de Tafisa
Por Natalia Puga |
-
As probas de ADN dos restos de Bora cruzaranse con datos de desaparecidos
Por Oskar Viéitez |
-
As primeiras investigacións apuntan a que os restos atopados en Bora corresponden a un home
Por Redacción |
-
Aparecen restos humanos nunha finca de Bora próxima o río Lérez
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |