Brazos robóticos, exoesqueletos, cadeiras de rodas controladas pola mente… dánse cita en Sanxenxo
Por Redacción
Organizada polas universidades de Vigo e Coruña baixo a tutela da Sociedade Española de Neurociencia e o apoio da Organización Internacional para a Investigación do Cerebro (IBRO nas súas siglas en inglés) Sanxenxo acollerá dende este luns 25 ao 27 de abril, a medio centos de expertos, a maioría españoles (Galicia, Alacante, Toledo, Barcelona, Salamanca, Sevilla...) e do resto de Europa, sobre todo Alemaña, Reino Unido e Suíza.
Falarán de neuropróteses intelixentes, brazos robóticos ou cadeiras de rodas capaces de ser controladas polos pensamentos do usuario, cuestións que ata hai apenas uns anos eran pouco menos que ciencia ficción.
Pensar en dispositivos capaces de transmitir sinais entre o cerebro e unha máquina, e compartir os últimos avances na comprensión do cerebro humano, é temática central do Cajal Winter Conference, unha xuntanza internacional cun formato aberto no que científicos contrastados en campos punteiros da neurociencia convivirán durante tres días con mozos investigadores.
Trátase de "buscar xuntos novas e revolucionarias ideas para a comprensión do cerebro e do comportamento humano en xeral", subliña José Antonio Lamas, responsable do Laboratorio de Neurociencia da Universidade de Vigo e membro do comité organizador do encontro.
No marco deste congreso terán lugar tamén diferentes actividades de divulgación, cafés-teatro cos que trasladar ao o público en xeral os principais temas tratados no encontro. Nesta liña, o vindeiro martes, día 26, terán lugar dúas charlas divulgativas no IES de Sanxenxo, nas que intervirán Juan Aguilar, do Hospital de Parapléxicos de Toledo, e Elena Vázquez, profesora da Universidade de Santiago de Compostela.