En marcha a campaña de control da poboación de gaivotas e pombas na cidade
Por Redacción
A Concellería de Sanidade Animal do Concello de Pontevedra inicia esta semana o programa de control da poboación de gaivotas e pombas na cidade. É unha campaña que se adianta unha semana con respecto ao pasado ano e que espera obter, cando menos, iguais resultados.
Na pasada campaña retiráronse 356 ovos e 261 niños de gaivotas. Visitáronse 316 tellados e retiráronse 76 pitos. Respecto das pombas, retiráronse 220 dos espazos máis poboados: praza da Ferrería, avenida de Montero Ríos e praza de España.
A campaña de gaivotas atenderá aos edificios visitados o pasado ano, xa que estas aves tenden a aniñar nos mesmos lugares que o fixeron en anos anteriores.
Ademais, tamén se atenderán todas as peticións que foron chegando á concellería desde a finalización do programa o pasado ano ata hoxe, e ampliarase un pouco máis as zonas de atención.
Os traballos coa poboación de gaivotas prolongaranse ata o mes de xuño, aproximadamente.
Con respecto ás pombas, instalaranse gaiolas na praza da Ferrería e en Montero Ríos, onde están as poboacións máis importantes.
A empresa especializada que realizará estes traballos é Larus Control, a mesma que en anos pasados, xa dispón de todas as autorizacións de Medio Ambiente para poder traballar nesta área. De feito, todas as intervencións que se fan sobre estas poboacións están supervisadas pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
Retiran nove de cada dez niños de gaivotas localizados en Pontevedra
Por Redacción |
-
A campaña de control de gaivotas elimina 90 niños e recolle 220 ovos
Por Oskar Viéitez |
-
Un falcón salvaxe caza dende hai un ano as pombas da Ferrería
Por Oskar Viéitez |
-
"Se non queremos que haxa gaivotas que nos molesten, mellor que non haxa fontes de alimentación próximas"
Por Redacción |