O fiscal solicita a absolución do ex patrón de Cambados porque considera que defraudou pero sen delinquir
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro martes día 3 de maio un xuízo por unha fraude de subvencións.
Curiosamente o fiscal especial de delitos económicos, Augusto Santaló, solicita a absolución. É a acusación particular quen acusa a Benito González, patrón maior da confraría de pescadores San Antonio de Cambados no momento dos feitos e aos administradores dos Estaleiros Polináutica S.L polo engano no importe do valor dun barco que se construíu con cargo a unha subvención.
O investimento ascendía a 293.507 euros e a axuda concedida foi de 176.104 euros.
Segundo o escrito de acusación, os feitos que sentarán no banco a Benito González, remóntanse ao 27 de marzo de 2009 cando a confraría solicitou, ao amparo da orde da Consellería do Mar unha axuda para a construción dun barco auxiliar de acuicultura, a cal foi aprobada.
No presente suposto a Fiscalía entende que o diñeiro obxecto de subvención tivo como destino o barco para o que se solicitou, con todo existiu engano no importe do valor do mesmo. Este comportamento será incardinable no delito de fraude de subvencións se concorre o importe fixado no tipo penal (120.000 no ordinario/ 50.000 euros na fraude aos orzamentos comunitarios).
Neste caso, segundo Augusto Santaló, non se alcanzan ditas cantidades, motivo polo que os feitos son constitutivos de infracción administrativa.