"Es una lata el trabajar"
Por Oskar Viéitez
O acto de recepción aos bolseiros do Plan de Práctica Laboral da Deputación de Pontevedra ben podía ter un tema oficial: a canción de Es una lata el trabajar daquel éxito estival de Luís Aguilé.
Douscentos novos titulados, todos eles bolseiros que desenvolverán a súa actividade nos Concellos da provincia, reuníronse no salón de plenos do Pazo Provincial para asinar o seu primeiro contrato. Cobrarán entre setecentos e oitocentos euros ao mes e desempeñarán os seus traballos na Administración local.
Con todo, lonxe do entusiasmo que a priori se podía supoñer, os bolseiros mostráronse moi escépticos con esta oportunidade á que puxeron non poucos reparos. Na quenda de preguntas dirixidas aos técnicos da institución provincial unha das cuestións que máis interese suscitou foron as libranzas.
Cantos días libres imos ter?, preguntaba unha das bolseiras entre protestas por ter que ir a currar as fins de semana e festivos. "É que os españois temos o mal costume de facer turismo os días libres, e ti queres traballar en turismo", foi a resposta do técnico da Deputación. "Isto é explotación", replicaba unha bolseira que esgrimía o estatuto dos traballadores para limitar o traballo a 37 horas e media á semana. "Lémbrote que isto é un contrato de formación", foi a resposta.
Por cada semana traballada correspóndelles día e medio libre "E se é domingo, dous?, preguntaron. "Aquí nada de picaresca para escaquearse", advertiulles o técnico.
Outro protestaba porque este Plan non lle permite traballar as fins de semana servindo copas nun pub. Lembremos que esta iniciativa está dirixida aos que nunca traballasen naquilo para o que se formaron, con concellos que demandan ese perfil profesional.
O que se ofrece é unha porta aberta ao mercado laboral, algo que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, non dubidou en cualificar como "un parche", consciente da difícil situación para os mozos, "non sería unha política decente se non lles dixese isto".
"Hai que cambiar a política laboral e de emprego para ter traballos dignos e con todas as garantías", engadiu.
Ademais deste Plan, nos próximos días a Deputación porá outro en marcha outro plan coa colaboración con empresas privadas.