Rexurdir renova o apoio de Sanidade aos seus programas de atención ao drogodependente
Por Redacción & Mónica Patxot
Desde 1994, Rexurdir Provincial traballa nun proxecto de loita contra as adicións centrado cara a reinserción social de persoas vulnerables e con trastornos aditivos, principalmente relacionados coas drogas. E o fan, recordou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, apoiados pola aposta "decidida" do Sergas para a "completa normalización" da atención a este tipo de pacientes.
Neste sentido, lembrou que hai dous meses fíxose entrega na Consellería dos convenios de colaboración asinados entre o Sergas e as entidades sen ánimo de lucro que desenvolven programas de atención á saúde mental e trastornos aditivos.
As actividades promovidas no marco destas subvencións, explicou, permiten promover a adopción de estilos saudables de vida e de ocupación do tempo libre entre os adolescentes e mozos galegos; e potenciar, nos diversos colectivos nos que se intervén, factores de protección e reducir o impacto de determinados factores de risco asociados ao consumo de drogas.
Ademais, intentan que outros colectivos implicados na prevención -familias, docentes, tecido asociativo diverso- funcionen como axentes de saúde; e reducir a incidencia de diversos problemas sociosanitarios relacionados co uso e abuso de drogas.
Así, Rexurdir colabora coa Consellería de Sanidade a través de dúas vías. Unha é por medio do convenio anual para o Programa de Atención Xurídico Social, que ten por obxecto prestar servizo xurídico-social á persoas que teñen problemática asociada coas drogas e que seguen tratamento nas Unidades Asistenciais de Drogodependencias de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e O Grove, así como no Centro Penitenciario da Lama.
A outra é a orde de vivendas de apoio ao tratamento de drogodependencias, para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais, que ten como finalidade apoiar ás persoas a tratamento de deshabituación de trastornos aditivos para facilitar a súa incorporación social e promover unha vida autónoma.