Sanxenxo garante que Areas manterá os servizos a pesar de perder a Bandeira Azul
Por Redacción
Os usuarios da praia de Areas poderán gozar dos mesmos servizos que en veráns anteriores, a pesar da perda da Bandeira Azul. Así o confirmou o Concello de Sanxenxo, que aclarou tamén os motivos polo que este distintivo non ondeará este ano nunha das praias máis coñecidas do municipio.
A ADEAC confirmou que foi a cualificación "boa" para as augas da praia de Areas nun das dúas mostraxes que se realizan neste areal o que lles impediu conceder a Bandeira Azul. Para iso, a calidade das augas debe ser "excelente" en todos os puntos da mostraxe.
A pesar diso, esta situación pasará inadvertida para os usuarios, xa que a calidade das súas augas, destacou o alcalde, é óptima "ao igual que o foi nos veráns pasados".
Así, nesta praia ondeará a bandeira Q de Calidade, un emblema que garante a calidade dos múltiples servizos que ofrece esta praia.
Con todo, a Concellería de Medio Ambiente comezou xa a traballar para determinar as causas que puideron incidir en que a calidade das augas neste punto da mostraxe baixe un banzo e consiga por tanto a cualificación de "boa".
Concretamente o punto no que non se conseguiu o nivel de excelente "coincide coa desembocadura dun regato, polo que comezaremos a investigar calquera tipo de irregularidade na canle deste río", explica a concelleira de Medio Ambiente, Coral González-Haba.
Con respecto ao distintivo compartido entre as praias do Espiñeiro e A Lanzada, o goberno local considera que esta nova situación obriga aos concellos de Sanxenxo e O Grove a sentar para coordinar como se dota de servizos a estas praias, e en que proporción asumirá cada administración cuestións como a contratación de persoal ou a limpeza.