Quen recollerá a bandeira azul da Lanzada?
Por Redacción
A concesión da bandeira azul da praia da Lanzada de xeito compartido aos concellos de Sanxenxo e O Grove deixa no aire cuestións que poderían parecer claras, pero seguen dando que falar. Vaise recoller esa bandeira? E quen o vai facer? O Concello do Grove indicou en días pasados que non o fará mentres que Sanxenxo confirmou que si.
A polémica está servida e segue a alimentarse día a día. O Concello do Grove e o sector turístico mantiveron unha reunión e emitiron un comunicado conxunto no que esixen a inmediata corrección do que consideran un "grave erro" da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), encargada de conceder as bandeiras.
Na reunión amosaron unha postura contraria á resolución da ADEAC ao considerar que a praia da Lanzada pertence ao Concello do Grove, conta con este recoñecemento a súa calidade medioambiental dende o ano 1988, ininterrompidamente dende 1990, e a tramitación do expediente tense realizado do mesmo xeito que os anos anteriores sendo o Concello do Grove o único que solicita esta mención.
Na opinión do Concello e os hostaleiros, trátase dunha decisión unilateral por parte de ADEAC que pon en cuestión elementos claros e precisos como é a delimitación da propia praia e plantexa supostos de gravidade como que o custe dos servizos que, na súa práctica totalidade, están asumidos polos orzamentos municipais do Grove, sigan sendo custeados por este municipio aínda que a bandeira sexa compartida.
Atendendo a que se trata dun distintivo pola calidade medioambiental do areal e que, polo tanto, non debería verse condicionado por cuestións administrativas ou políticas o sector turístico e o Concello informan de que de non corrixirse este grave erro, renunciarase a ondear a bandeira azul neste areal, xa que este factor non é condicionante para que a praia siga mantendo a súa elevada calidade e para que se garantan todos os servizos habituais.