O Concello paga máis e en menos tempo no primeiro trimestre de 2016
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra gastou 9.106.000 euros en provedores no primeiro trimestre de 2016. Trátase dun aumento substancial con respecto ao mesmo período do ano anterior. Nos tres primeiros meses de 2015, os pagos do goberno municipal ascenderon a 6 millóns.
A pesar dese incremento, o edil de Facenda destacou que se segue reducindo o período medio de pago das facturas do Concello.
Neste primeiro trimestre, os provedores tardaron unha media de 41,14 días en cobrar as súas facturas, fronte aos 41,60 días do exercicio anterior, por baixo dos 60 días que marca a lei de prazo. Pagáronse un total de 2.341 facturas.
Ademais, o Instituto Municipal de Deportes (IMD) pagou a 21,89 días un total de 58 facturas por valor de case 100.000 euros; mentres que o Pazo da Cultura fíxoo a 22,57 días. Este organismo efectuou 104 pagos que ascenderon a 221.000 euros.
Ademais, a Xunta de Goberno acordou non presentar recurso contra a sentenza que outorga aos comuneiros de Mourente a titularidade dos 39.000 metros cadrados nos que se asenta o Hospital Montecelo.