O Concello reduce os prazos de pago aos provedores de 50 a 35 dias en tan só un ano
Por Redacción
O Concello de Pontevedra segue reducindo o período medio de tempo que tarda en pagar aos seus provedores. Se no segundo trimestre do ano 2015 tardou unha media de 50,85 días en pagar as facturas, un ano máis tarde, no segundo trimestre de 2016, ese tempo reduciuse a 35,09 días.
Desta forma, o descenso dos prazos que deben esperar os provedores do Concello de Pontevedra para cobrar as súas facturas materializouse en 15 días menos en tan só un ano, unha cifra que o portavoz do goberno local, Raimundo Gónzález, recolle con satisfacción.
Segundo as cifras achegadas, eses prazos de pago a provedores aínda se reducen máis no caso dos organismos autónomos, pois o Instituto Municipal de Deportes (IMD) pagou a 18,04 días e o Pazo da Cultura fíxoo a 19,61 días.
Ademais de pagar en menos tempo, a administración local tamén pagou máis en obras e subministracións no período analizado. Así, no segundo simestre pagaron 10.195.000 euros nun total de 2.490 facturas, cando no mesmo trimestre do ano anterior gastara en pagar aos seus provedores 8.917.000 euros.
As cifras non só son positivas neste segundo trimestre, senón no conxunto do ano. No primeiro semestre de 2016 o aumento foi substancial con respecto ao mesmo período de 2015. Nos seis primeiros meses daquel ano pagaran 15.770.000 euros e, un ano máis tarde, a cifra acumulada xa é de 19.301.000 euros.
O tamén concelleiro de Facenda, Raimundo González, destacou que "pagamos en menos tempo e máis cantidades" e, aínda que haxa algúns pagos que "se poidan atrancar", o período de resposta déixaos "satisfeitos".