Luis Bará substituirá a Carme Adán como cabeza de lista do BNG en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Tras a renuncia de Carme Adán a volver encabezar a candidatura do BNG ao Congreso nas novas eleccións do 26 de xuño, os nacionalistas víronse obrigados a buscar un cabeza de cartel con garantías suficientes para tentar recuperar o deputado perdido por Pontevedra o pasado 20 de decembro. E atopárono en Luís Bará, concelleiro en Pontevedra, que é a opción elixida para asumir esta responsabilidade.
O propio Luís Bará confirmou a súa candidatura a PontevedraViva. Trátase dunha proposta da executiva nacional do BNG que, a partir de mañá mércores, será debatida nas respectivas asembleas comarcais.
Espérase que o Consello Nacional do próximo 21 de maio aprobe oficialmente esta candidatura, que se sumará ás que encabezarán -igual que en decembro- Carlos Callón, Olalla Rodil e Noa Presas pola Coruña, Lugo e Ourense respectivamente.
Bará estará acompañado de Ana Miranda, ex deputada do BNG no Parlamento Europeo e o seu actual portavoz en Bruxelas. A de Cuntis ocupará o número 2 da candidatura do BNG por Pontevedra.
O edil do BNG explicará mañá pola tarde os motivos que lle levaron a encabezar esta candidatura ao Congreso.
En todo caso, Luís Bará avanza que se resulta elixido deputado o próximo 26 de xuño abandonará a súa acta de concelleiro en Pontevedra, ao entender que ambas as responsabilidades son "incompatibles".
Asegura que, sexa como sexa, traballará na próxima campaña electoral coa "máxima dedicación e confianza" para recuperar o escano do BNG por Pontevedra, algo para o que recoñece "temos que traballar duro".