Novo produto turístico para o Salnés: a Ruta do pai Sarmiento
Por Redacción
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou este xoves a Ruta do Pai Sarmiento, un novo produto turístico que se pon en marcha na comarca do Salnés.
Discorre polos municipios de Poio, Sanxenxo, O Grove, Meaño, Cambados, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa e Vilagarcía. Ten o seu inicio en Combarro e termina en Carril. Reproduce a viaxe que realizou o Pai Sarmiento en 1745 en Ano Santo cara a Compostela e que lle levou a percorrer estes municipios, deixando constancia escrita deste periplo no seu libro Viaxe a Galicia.
O lanzamento deste novo atractivo turístico é froito da colaboración interadministrativa plasmada no convenio de colaboración asinado recentemente entre a Mancomunidade do Salnés e Turismo de Galicia. O acordo ten como obxectivo impulsar a realización de actividades de promoción do turismo neste xeodestino galego.
A directora de Turismo desexou que esta ruta se converta nun gran reclamo, nunha nova alternativa de lecer e de atracción turística tanto cultural como espiritual e que se complementa con outras rutas de sendeirismo que hai no territorio como a Variante Espiritual do Camiño.
Nava Castro aproveitou para salientar que este ano O Salnés volverá a coller a Volta Ciclista a España, evento deportivo que recorrerá este territorio na súa terceira etapa, discorrendo polos municipios de Sanxenxo, Meaño, Cambados, Vilagarcía ou Vilanova de Arousa, entre outros.